Páxinas

luns, 18 de abril de 2022

Defensa e apoio das ciclovías e camiños escolares seguros en Vilagarcía


Desde este foro queremos manifestar a nosa repulsa pola actuación (ruído, máis ruído, falsidades, críticas sen propostas alternativas, …) de certos partidos coas peonalizacións primeiro, coas ciclovías despois e agora cos camiños escolares seguros. A primeira peonalización criticada foi a da praza de Galicia: ían perder as vendas os establecementos porque os coches non podían pasar. Só vían o que perdían (pouco máis de 5 prazas de aparcamento) pero nunca pensaron o que gañaban. Máis tarde foi criticada a peonalización da rúa Castelao e a de Vista Alegre, porque os nenos de determinado colexio non podían ser levados en coche ata a porta do establecemento.

Afortunadamente non se lles fixo caso e estas peonalizacións foron a máis, e xa sen críticas porque a maioría da poboación viu os seus efectos: máis xente paseando con nenos e comprando polas rúas, menos ruído, máis seguridade moito máis agradable a contorna. Quen volvería atrás agora?.

O mesmo ocorreu en Pontevedra. Perdéronse moitas prazas de aparcamento, pero gañouse moito en humanización e só era cuestión de andar de 10 a 15 minutos desde onde fora aparcado o coche para poder gozar da cidade nenos e maiores. Quen volvería a tempos pasados onde os coches devoraban á cidadanía? Acaso non merece Pontevedra agora todos os premios que levou polo seu modelo de cidade?

Agora o mesmo tipo de ruidosos enarbora o estandarte das críticas coas ciclovías e cos camiños escolares seguros: as ciclovías si pero non desta maneira (non din como). Eu creo que non as saberían facer porque non se asesoran e sobre todo non cren nelas. Din que son caras e só ven o gasto que se fai para construílas (iso si con axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e de fondos de Europa que se non se proxectasen non se terían). Tamén din que ninguén quere, ninguén pediu e ninguén usa. É incerto porque desde hai anos está a demandalas Europa continuamente. É dicir: quéreas Europa, quérenas os cidadáns consecuentes coa problemática do clima e da contaminación e úsanas os cidadáns conscientes destes problemas; o seu uso está a aumentar gradualmente e están abertas a toda a cidadanía para que as usen e consigan beneficios tanto para a súa saúde como para a dos demais, para o clima, e fomentando o aforro.

Isto sábeno e corrobórano mesmo usuarios frecuentes de vehículos de motor que ben, por imposibilidade física, desidia, ou medo por non ter viais seguros non utilizan medios máis amables.

Desde hai tempo desde Europa e tamén noutras partes do planeta está a apostarse por unha mobilidade alternativa. Para iso créanse moitísimas axudas. Convidamos aos que critican queiran velo, e aprendan a velo.

Que on nos digan que "isto non é Holanda ou que aquí chove". Aquí non chove menos que en Holanda e fai moito menos frío e menos vento.

En Holanda antes da 2ª guerra mundial había moitas máis bicicletas que coches. Nos anos posteriores os coches foron invadindo o espazo das bicicletas e provocando accidentes polo que foi diminuíndo paulatinamente o uso da bicicleta. No ano 1971 producíronse 3.300 mortes por accidentes de tráfico, entre elas as de máis de 400 nenos. Unha situación insostible que derivou en movementos sociais de protesta e que foi a orixe de Stop de Kindermoord, un grupo activista que pretendía poñer fin ao que chamaban asasinato de nenos e que foi de vital importancia.

Pode verse este vídeo que ilustra moi ben as protestas: 

Stop de Kindermoord creceu rapidamente e púxose a traballar: levou a cabo manifestacións, ocupou puntos negros nos que se producían accidentes, e organizou días especiais nos que pechaba rúas para que os nenos puidesen xogar de forma segura. Co tempo, Stop de Kindermoord pasou a recibir subvencións do goberno, abriu o seu propio cuartel central nun local que anteriormente fora unha tenda, e empezou a xerar ideas coas que mellorar os plans urbanísticos e aumentar a seguridade. Á aparición de grupos como Stop de Kindermoord acabouse sumando a crise do petróleo de 1973, o cal foi aproveitado polo goberno para dar unha mensaxe clara: había que adoptar un novo estilo de vida e non malgastar enerxía.

E así, xa na década dos 80 e despois de que os políticos tivesen tempo de comprobar as vantaxes do uso das bicicletas, as cidades empezaron a introducir unha serie de cambios para facelas máis amigables con este medio de transporte. E aos poucos foise avanzando por este camiño e agora todos están convencidos do favorable deste cambio para todos.

Outros países de Europa empezaron máis tarde pero lévannos vantaxe: Alemaña, Austria, Italia, … En España tamén se avanzou moito, sobre todo en certas cidades: Vitoria, Sevilla, Barcelona, Zaragoza, … E agora preténdese conseguir tamén en Vilagarcía, pero certos sectores son remisos a calquera cambio e só ven o negativo. Non son capaces de ver o que gaña a sociedade.

Rúa Xunqueira na actualidade, antes de transformar en Camiño escolar seguro

O mesmo ocorre cos Camiños escolares seguros. Seguen os ruidosos. Tampouco ven a súa utilidade, que vén ser un complemento das ciclovías e das peonalizacións. Sacan bailes de cifras. Ata para contar os aparcamentos que segundo eles se anulan contabilizan os vehículos que habitualmente aparcan en zonas prohibidas e indican que se deben contabilizar aqueles vehículos que se estacionaban en lugares onde antes, xa carecían de permiso.

Os Camiños Escolares Seguros están avalados por moitas cidades de Europa. Cada vez hai máis. O seu gran impulsor en Europa foi o psicopedagogo italiano Francesco Tonucci. E estas son as cousas positivas que os avalan:

  • Devolven a autonomía aos nenos. "O primeiro paso para devolver a autonomía aos nenos é pedir que vaian á escola e volvan a casa sen ser acompañados polas persoas adultas" (Francesco Tonucci, A cidade dos nenos).
  • É unha iniciativa para que os menores se movan con seguridade polas rúas e recuperen o uso e goce do espazo público.
  • Que se despracen ao centro escolar andando ou en bicicleta de maneira segura favorece a súa saúde, combate enfermidades e malos hábitos, á vez que fai máis sostible o medio ambiente ao reducir o número de desprazamentos en vehículos motorizados (varios centenares no caso de Vilagarcía), co que, por riba, alixéirase o tráfico.
  • Os pais e as nais van gañar tempo e van quedar máis satisfeitos vendo que os seus fillos se moven con autonomía e alegría.

Por que sempre se queren poñer pedras no camiño a boas iniciativas? Por que non nos sumamos todos a elas se van ser boas? E sexamos positivos: propoñamos melloras ou correccións no caso de que fixesen falta e

apoiemos o positivo!