Ruta “Ribeira do Umia”: saida o 29 de xullo de 2012.


Para que vaiades preparando vosas bicicletas e a cesta da merenda anunciámosvos con tempo suficiente a próxima saída:

Saída o domingo 29 de xullo de 2012 ás 11:00 horas do parque de “O Cabadelo” en Vilagarcía.

· Sairemos de Vilagarcía polo barrío de “A Laxe”, chegando a “Zamar”.
· Cruzaremos a estrada xeral polo semáforo cara ao “Pazo de Rubians” con destino a “Godos”.
· Outra vez atravesamos unha estrada, neste caso a de Caldas cara a “Baión”, visitaremos “As Aceñas”, onde tomaremos contacto co río Umia.
· A partir deste momento continuaremos pola sua ribeira, pasaremos a través do Camiño Francés ata “Ponte Arnelas”.
· Abordamos neste punto a senda verde que nos levará ao noso lugar de comida na ponte de Barrantes.
· Pola tarde continuando a senda peonil cara á desembocadura do río, chegaremos a “Castrelo”.
· Seguidamente, retorno, pasando pola illa de “Santo Tomé” coa súa torre medieval, “Cambados”, “Vilanova de Arousa”, e chegada a Vilagarcía.

Estamos seguros de que a xornada vai ser do agrado de todos, polo que esperamos e desexamos a vosa asistencia.

Galería de fotos na marxen dereita do Blog

Ruta da Illa de Arousa

Como acordado na última asemblea realizaremos a RUTA DA ILLA DE AROUSA  o vindeiro Domingo 15 de xullo de 2012, saíndo ás 11:00 horas do Parque do Cavadelo en Vilagarcía.

ITINERARIO:
  • Dende o Parque do Cavadelo sairemos polo carril bici ata Vilaxoán, seguiremos polo Rial e pasaremos por As Sinas, Vilanova, Ponte da Illa e continuaremos ata o pinar do Furado (coa praia enfrente), onde faremos o pic-nic. Se o tempo o permite tamén se poderá desfrutar da praia.
  • Percorreremos a Illa coas paradas necesarias para contemplar, descansar ou relaxarse, . A meirande parte do percorrido é por itinerarios seguros: carril-bici, senda verde, camiños ou estradas pouco frecuentadas.
  • Pensamos estar de volta en Vilagarcía cara ás 20 horas.
  • Os asistentes son responsables da súa propia seguridade e de cumprir as normas de tráfico establecidas. Recoméndase o uso de casco.
DIFICULTADE:
Baixa.

 

Paseo nocturno


Como é habitual nestas datas, o vindeiro sábado día 7 de xullo ás 23 horas a Asociación Arousa en Bici organiza o tradicional paseo nocturno en bici.

Esta é unha das actividades que a nosa asociación organiza coa intención de fomentar o uso da bicicleta na cidade.

O percorrido é o de costume. A saída será no parque do Cavadelo, iremos a Vilaxoán e a Carril e voltaremos ao parque do Cavadelo. Ao final celebrarase un sorteo de accesorios ciclistas e outras cousas entre todos os participantes.

Solicítase dos participantes que leven cascos e as bicis con iluminación, se é posible.
Animádevos a participar que cantos máis sexamos mellor o pasaremos!!!